PODCAST · society
Todos os podcast | A tarde
by AGalegaAudio
A tarde ofrece información e entretemento todos os días desde as 15 da tarde ata as 19 do serán. Na primeira hora xunto co ton humorístico de Virtudes debúllanse varios temas curiosos mediante entrevistas e faladoiros. Na segunda e na terceira hora van entrando xa algúns e algunhas das nosas colaboradoras especializadas en distintos temas: medicina, dereito, consumo, cine e moitos máis que nos traen unha achega ás súas disciplinas. Por último, na cuarta hora do programa achegámonos ás delegacións da Radio Galega para saber que está a ocorrer nas grandes cidades galegas.
-
598
A tarde 13-05-2026
Coñecemos a Pilar Alonso, unha muller que convertiu as obleas nun produto gourmet creando en Meis a marca Xacobleas. Falamos dunha empresa galega que deseña satélites, Kreios Space. O seu director de proxectos, Yago Recarey, cóntanos que están probando aparellos que empregan partículas atmosféricas como combustible. No capítulo musical debullaremos o programa do Festival Cidade de Lugo coa axuda do secretario da Sociedade Filarmónica luguesa, Juan Luis Díaz, e o da decimosegunda edición do +QJazz da Coruña co seu director Pepe Doré. Conversamos con Paula Cons co gallo da emisión pola TVG da súa película "O meu ilustrísimo amigo". Ataulfo Cortizo explícanos como se fan alfombras florais con cunchas. Conversamos coa xornalista e crítica literaria Tensi Gesteira sobre eses libros que nos custa rematar. Rafael Veiga preséntanos o labor da ONG Taller de Solidaridad e preséntanos a Jessy Castillo e Lidia Inga Cruz, duas peruanas que traballan nun proxecto de empoderamento económico de mulleres rurais no seu pais. O doutor Norberto Proupín fálanos da asma.
-
597
A tarde 12-05-2026
Imos ao Festival de Títeres de Redondela co seu director Luis Crespo. Homenaxeamos aos profesionais da enfermería e coñecemos a súa realidade con Juan Pablo García, enfermeiro do CHUAC. Comer san non ten por que ser aburrido. Explícanolo Pablo Iserte, que elabora menús especiais para levar en NUTaway, na Coruña. Cada vez hai menos xogueterías. En Lugo acaba de pechar Bazar 095, un establecemento que funcionaba dende 1934. O seu responsable, Juan Viñas, dinos por que se pasa ao comercio en liña. Charo Calvo fálanos dos novos servizos de Correos para os peregrinos. Convidamos ao noso estudo ao grupo coruñés Apolo 18 para que nos toque os seus temas. Comentamos con Félix Fernández a súa exposición na Fundación Granell que se titula "Atención plena"
-
596
A tarde 08-05-2026
Serven para algo os filtros amarelo e vermello das lentes? Explícanolo o óptico Alexander Dubra. Convidámoslles a facer un roteiro en bicicleta. Guíanos Belén Calahorro, a coordenadora de Eurovelo, a rede transfronteiriza de rotas ciclistas de longa distancia. Imos ata esgos para proibar as conservas artesanais Mareterra. Beatriz Arias preséntanos a súa primeira novela, "Soy la nueva". Sabemos máis dunha enfermidade pouco común, o lupus, con Sarta Nieto, da Asociación Galega de Lupus. Véndense moitas caixas fortes? Preguntámosllo a Miguel Rodríguez. En Vigo comprobamos con que ánimo afrontan as xogadoras do Lavadores de Balonmán a fase de ascenso a primeira división nacional. Asistimos á VI edición das Xornadas poéticas "Rosalía en camiño". Borja Tosar fálanos dos buratos negros.
-
595
Quy trình nhận hơn 30 tỉ 'bôi trơn' của cựu thứ trưởng Nguyễn Bá Hoan cùng cấp dưới
Trong vụ án liên quan các doanh nghiệp xuất khẩu lao động, ông Nguyễn Bá Hoan, cựu thứ trưởng Bộ Lao động, Thương binh và Xã hội (cũ) cùng cấp dưới bị cáo buộc nhận hối lộ tổng cộng hơn 30 tỉ đồng.
-
594
A tarde 07-05-2026
Buscamos o mellor bocata e pedímoslle consello a Virtudes, aos oíntes e ao cociñeiro coruñés Javier Barba. Na Pobra do Caramiñal atopamos a Mario Fariña, un profesional da ebanistería que fabrica guitarras eléctricas personalizadas. O naronés Adrián López, "Lode", preséntanos a versión da súa canción "Malo será" que lle dedica ao Dépor. Juan Rodríguez, da empresa Nortempo, explícanos por que oferta un posto de traballo de "testeador de festivais". As bailarinas viguesas Eva Comesaña e Marcia Vázquez convídannos a participar na XI Batalla de Baile que organizan na Sala Mondo. Escoitamos as queixas das veciñas de Almoite, en Baños de Molgas, pola tardanza en reparar a cuberta da igrexa parroquial e as dos veciños da Coruña polos problemas que xeran as obras da estación intermodal. Falamos da exposición "Masides", que reune na Fundación Granell de Santiago obras de Carlos Maside e o seu sobriño Xulio. Ademais Tito Lesende traenos as súas novidades musicais e Nusca Chousa os seus consellos para a horta.
-
593
A tarde 06-05-2026
Os oíntes cóntannos como son os plans que fan cos seus amigos e nós propoñemoslles un, pintar cerámica. Marta Sobral dirixe un establecemento que nos permite facelo. Achégase o Día das Letras Galegas e queremos afondar na figura de Begoña Caamaño, a escritora á quen se homenaxea este ano. Falamos con Lucía Junquera, a directora do podcast "Poñer a voz", no que se reivindica o labor de Begoña como xornalista. Tamén escoitamos a canción que Uxía e Malvela lle dedicaron a Begoña. Visitamos en Santiago Disco Precio, unha das poucas tendas nas que se continúan vendendo discos de vinilo. Coñecemos as propostas do festival de teatro e danza Escenas de Cambio da man da súa directora, Kirenia Martínez. Catamos na Coruña o mellor bocata tradicional de España, o "Terra Chá" que elabora Juan Gómez. Escoitamos as queixas que lle trasladou á Valedora do Pobo un vigués, José Manuel Tubío, pola presenza de fumadores na contorna do Complexo Hospitalario da cidade. Susana López, da Fundación Santa María La Real, preséntanos o proxecto de divulgación "Redescubre o románico de Galicia". O doutor Norberto Proupín fálanos do cancro de colon.
-
592
A tarde 05-05-2026
Quen non tivo unha raiada no coche? Imos a un taller para que nos expliquen como se arranxa e canto pode custar a reparación. Falamos con Enrique Cuquejo sobre a escola de parapente que acaba de montar en Baltar, na serra de Larouco. Pulsamos o ambiente na meta da etapa que remata na Coruña da Vuelta Ciclista a España feminina. Raul Villares vai ata Torroña, no municipio de Oia, para asistir a unha xornada de divulgación dedicada ao destino Starlight que serve tamén para preparar a zona para a eclipse do 12 de agosto. Visítanos no estudo o pianista Juan Carlos Cambas. Conversamos con Begoña Feijoo, unha galega que vive en Suiza e escribe en italiano. Unha obra súa, "Un anaco de mazá seca", acaba de publicarse en galego. Mónica Maneiro comenta a exposición "Antifémina" da fotógrafa Colita, que se pode ver no Auditorio de Santiago. Maximino Pérez dinos como debemos actuar cando nos pide paso unha ambulancia ou un camión de bombeiros.
-
591
A tarde 28-04-2026
Pasou un ano dende a gran apagada, o día en que toda España quedou sen electricidade. Preguntámoslle aos oíntes como viviron aquela xornada. Cóntanolo tamén o bombeiro da Coruña David Hermida. O historiador e divulgador David Gesteira explícanos como vencellamos os nosos recordos a acontecementos históricos. Visitamos en Vilaboa o obradoiro do luthier Martín González. O autor de libros xuvenís Francisco de Paula, Blue Jeans, preséntanos a súa nova obra, "Los 15 de Fosbury". Falamos da película "Así chegou a noite" co seu director, o marinense Ángel Santos, e cunha das súas protagonistas, Violeta Gil. O derrube dunha casa a carón dunha porta medieval de Monforte lévanos a analizar o estado do patrimonio histórico da vila co historiador Felipe Aira. Mónica Maneiro comenta a exposición de Antón Patiño na galería Luisa Pita da Coruña.
-
590
A tarde 27-04-2026
Antonio Ulloa, director dunha escola de formación de emerxencias, danos unha clase de primeiros auxilios. Asistimos na Coruña ao Campionato de Galicia de Tortilla de Patacas. Falamos co seu organizador, Rafael García, e con participantes. Visitamos en Vigo La Canalla, o obradoiro integral de creación téxtil onde os irmáns Soto, Fran e Patricia, deseñan roupa con material reciclado. Andrea Jamardo tráenos a reedición en galego de "Reencontro", a novela de Fred Uhlman. No apartado musical recibimos a Carlos Eirís, ou o que é o mesmo, Eris Mackenzie, o mozo de Carral que fusiona a música tradicional galega coa electrónica e que acaba de sacar un novo EP. De mestura tamén vai o festival Miña Ruliña, que se celebra na localidade salmantina de Escurial de la Sierra e que unirá a música tradicional galega coa de Salamanca. Conversamos co seu organizador Sergio Grande. Dende Lugo Francisco Luengo explícanos en que consisten os cursos de interpretación de música medieval "O son dos camiños". Iván Carril advírtenos sobre os calotes que sofren pequenas empresas e autónomos mediante o envío de correos falsos ou a clonación da voz de xefes da compañía. O profesor do Colexio Sagrado Corazón de Celanova, Lucas Núñez, e unha das súas alumnas preséntannos o certame escolar ParqueVibras, que busca dar a coñecer os parques naturais de Galicia. Interpretamos a paisaxe galega co antropólogo Rafael Quintiá.
-
589
A tarde 24-04-2026
Temos un programa moi doce porque falamos en Narón coas irmás Ana e Beatriz, que acaban de abrir unha tenda especializada en gofres belgas, e porque estaremos en Sugaryclub, un establecemento da Coruña dedicado á repostería creativa. O alcalde de Arbo, Horacio Gil, convídanos á Festa da Lamprea. Escoitamos as queixas dos veciños da parroquia de Cedeira, en Redondela, sobre a chapuza realizada polo ADIF na reconstrución dunha ponte. O secretario xeral da Asociación de Consumidores Acouga, Xosé Antón Pérez Lema, explícanos que documentación necesitamos para denunciar un roubo ou un calote. Silvia Iglesias descúbrenos os cambios que experimentan os fondos mariños en cada estación. Claudia Abril e Marina Carpente, o dúo Abril, preséntannos o seu disco "Medrar". Imos á Estación Fitopatolóxica do Areeiro para coñecer como lle afecta ás viñas o mildeo.
-
588
A tarde 22-04-2026
Manuel Capeans, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra, explícanos como un helicóptero rescatou seis tripulantes dun veleiro a 300 kilómetros da costa galega. Visitamos o Museo Galego do Entroido en Xinzo. Guíanos o seu responsable, Carlos Martínez, e César Fernández fálanos da exposición de cornamusas que acolle estes días. A xornalista Marta Coira coméntanos comportamentos pouco axeitados que se poden ver nos concertos de pop e rock. De xira anda estes días por Galicia o cántabro Jaguayano. Recibímolo Na Tarde. Máis música. O director do Festival Resis da Coruña , Hugo Gómez Chao, preséntanos o cartel deste encontro de música contemporánea e artes vivas. Falamos tamén cunha das súas participantes, a directora do Gallaecia Ensemble, María José Pámpano. Sofía Ramos, da Cámara de Comercio da Coruña, coméntanos como son os cursos que organizan para parados de máis de 45 anos. Lembramos grandes xestas da aviación española co tenente coronel do exército do ar Marcelino Sempere. Mercedes Prado cóntanos como decorreu a derradeira sesión do xuizo no que se pretende determinar a quen lle corresponde cobrar o boleto premiado con catro millóns de euros na primitiva. A presidenta da Asociación de Veciños do Parque Rosalía de Lugo, Marta Fernández, dinos por que propoñen que se apadriñen bancos ou árbores. Coñecemos ao estudante vigués Antón Álvarez, gañador do concurso Parnaso por unha tradución dun texto do grego clásico. O doutor Proupín fálanos dos síntomas e o tratamento do estrés.
-
587
A tarde 20-04-2026
É boa a comida que ofrecen os colexios? Preguntámosllo a María Lois, responsable de Jardonay, unha empresa da Coruña que elabora cada día 9 mil menús escolares. Falamos con Andrea Nunes e Leticia Citoula, as coordenadoras do libro colectivo "Razóns de peso", unha denuncia da gordofobia. O presidente dos hostelerios de Vigo, César Sánchez Ballesteros, danos a súa opinión sobre a taxa turística implantada polo Concello. A coruñesa Sibila Freijo preséntanos o seu último libro, "Ponme otro vino, que aún te veo feo". Asistimos ao Campionato Galego de Coctelería e falamos con participantes, organizadores e membros do xurado. O podólogo Nabor Pereira dinos como preparar os pes para facer o camiño de Santiago. Comentamos con Iván Carril os esforzos dalgúns gobernos para controlar a idade dos usuarios das redes sociais. Coñecemos a Manuel Borrajo, un veciño de Baños de Molgas de 92 anos que segue facendo labores de carpintería. Andrea Jamardo traenos o album ilustrado "Virxinia e Castelao", de Diego Bará e Bea Gregores. Juan Campos cóntanos a historia do pirata galego Benito Soto e o antropólogo Rafael Quintiá explícanos que é o "mal de pezoña"
-
586
A Tarde 17-4-2026
O artesán Borxa Neves explícanos como forxa espadas no seu obradoiro de Vedra. Pepe Cabo convídanos á Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto. Mercedes Prado descríbenos o ambiente que se vive na Coruña coa arribada de 8 mil cruceiristas. Visitamos en Ourense a exposición dedicada ao fotógrafo José Suárez da man do comisario da mostra, Carlos López Bernárdez. A presidenta da cooperativa Bico de Grao, de Lugo, cóntanos en que consiste o Mercado do Troco que organizaron. O xefe da Udyco de Vigo, Iago García, fálanos da operación desenvolvida no barrio da Florida para desaloxar unha casa ocupada por pequenos traficantes. O secretario xeral de UGT Galicia, Cristobal Medeiros dinos por que é razopnablke reducir a xornada de traballo. Comentamos co astrónomo Borja Tosar a película de ciencia ficción "Proxecto salvación".
-
585
A tarde 14-04-2026
Narramos a primeira etapa da proba ciclista O Gran Camiño. Felicitamos a Ismael Ramos, flamante gañador do prestixioso premio O. Henry para relatos breves. Pulsamos o estado de ánimo da cantante Sabela Ramil tras coñecer que é candidata dos premios da Academia da Música de España. Presentámoslles a Abel Sotelo, un mozo de 22 anos que dirixe unha explotación agrícola de 60 hectáreas na Limia. Cristian Álvarez explícanos en que consiste ser carpinteiro hoxe en día. Preguntámoslle a María Mato, xestora dunha papelería de Compostela, se é certo que volven estar de moda as axendas en papel. Mónica Maneiro comenta a exposición "Natureza das cousas", do fotógrafo Chema Madoz. Iago Varela fálanos do seu documental "Mulleres da reconversión", centrado na transformación industrial de Ferrolterra. Maximino Pérez aborda o problema dos accidentes de tractores en Galicia.
-
584
A tarde 13-04-2026
Xogamos? Os oíntes dinnos cales son os seus xogos de mesa favoritos. En Vilanova de Arousa existe unha asociación que reune aos afeccionados a este tipo de entretemento. Chamase "Masqueparchís" e conversamos cun dos seus membros, Daniel Martínez. Visítannos dos dous compoñentes da Ukestra do Medio, Alberte Leis e Carlos Gómez, para presentarnos o seu novo disco, "De aquí e de acolá". O barrio vigués de Bouzas prepara a festa da Brincadeira. Imos ata alí para coñecer mellor a historia deste enclave mariñeiro. Falamos de novas formas de mobilidade urbana con Román Seoane, da tenda Volt Mobility de Compostela. Pablo Álvarez convídanos a ler a súa primeira novela "La necesidad de amar" e Andrea Jamardo comenta o libro infantil "Pantasmadas", de Andrea García. Coñecemos en Outomuro a José Diéguez, un nonaxenario que expón as súas pinturas nesta localidade de Cartelle. Olalla Tembra desvélanos quen serán os pregoeiros das Feiras do Libro que se desenvolverán en Galicia. Miguel Moscoso recoméndanos a vestimenta axeitada para facer sendeirismo. Ivan Carril explícanos por que se disparou o prezo dos discos duros e as memorias USB. O antropólogo Rafael Quintiá cóntanos por que se recorre a San Cibrán para elminar o meigallo.
-
583
A tarde 10-04-2026
Madrugas ou trasnoitas? Falamos con oíntes que teñen horarios de traballo pouco comúns e preguntámoslle aos nosos compañeiros Pepe Capelán e Alexandra Tojo como conseguen conciliar a súa vida coa súa xornada laboral nocturna. Coñecemos a un percebeiro Tiktoker, Raul Patiño, "Chiño". Achegámonos á figura de Ramón Otero Pedrayo da man da profesora Patricia Arias. A escritora Nerea Pascual preséntanos a súa novela romántica "Amor fuera de serie". Preparámonos para dous eventos da fin de semana: a gala do "Talentiño" en Ferrol e o partido de baloncesto entre o Basket Coruña e o Obradoiro. Paseamos polas mesas instaladas en Vigo pola Asociación Parkinson. Interesámonos polos efectos da suba de prezo dos fertilizantes conversando con Antonio Balado, vendedor de produtos agrícolas. Seguimos a evolución da misión espacial Artemis 2 co astrónomo Borja Tosar
-
582
A tarde 09-04-2026
Temos moita música no programa. A do pianista de Cangas Xan Campos, que nos presenta en primicia o seu disco "Amorodios"; a de Laura Lamontagne, que nos trae o seu novo tema "Cuidado"; ou a do dúo navarro Iseo and Dodosound, que nos fala da súa xira por Galicia. Ademais Tito lesende reflexiona sobre o panorama musical nestes momentos. O profesor Jorge Mira explícanos como ver ben o eclipse total que teremos en agosto. Nusca Chousa ofrécenos os seus consellos para coidar a horta. En Vigo coñecemos A Casa Rodante, a marca de productos de artesanía elaborados nos obradoiros da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral. Imos a Abadín para que os veciños nos conten os problemas que lles causan os xabaríns. En Marín visitamos o Museo do Mar e en Pereiro de Aguiar a un criador de ocas. Falamos da sorte cos nosos oíntes e conversamos con Arturo Varela, propietario dunha funeraria de Barbadás que leva anos sorteando un cadaleito cheo de agasallos.
-
581
A Tarde 08-04-2026
Que se regala hoxe en día nas comuñóns? Preguntámosllo a Xosé Manuel Quevedo, propietario dunha cadea de tendas de xoguetes. Virtudes cóntanos a súa frustrante experiencia cos agasallos da súa comuñón e os oíntes comparten anécdotas sobre esa festa infantil. O presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, Fernando Suárez, fálanos das vantaxes e riscos da incorporación de internet aos aparellos que usamos de xeito cotiá.
-
580
A tarde 03-04-2026
Programa especial na XXXV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas
-
579
A tarde 02-04-2026
Temos que declararlle a Facenda os préstamos ou doazóns que lle facemos a un familiar? A experta en dereito civil Mercedes de la Puente explícanos como debemos actuar. Paula Freire guíanos polos muiños industriais do río Xuvia. A concelleira de Monforte Gloria Prada convídanos á Feira Medieval. Visitamos en Nigrán o aparcadoiro de caravanas máis grande de Galicia. Marcos Dapía, da Armería Jardín de Ourense, cóntanos como equiparnos para comezar a pescar no río. Valeria Romero, do clube de piraguismo Cidade de Lugo, danos consellos para navegar polo Miño. Coñecemos a Paula Blanco, unha moza que creou en Ponteceso un lugar de encontro para maiores de 65 anos. Blanca González, vogal do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, dinos por que debemos acudir á farmacia cunha receita médica oficial. Anxos Sumai preséntanos o seu album ilustrado "A nena de xeo". Tito Lesende traenos a actualidade musical de Galicia e Nusca Chousa os seus consellos para coidar a horta.
-
578
A tarde 01-04-2026
Os recentes cambios dalgúns topónimos galegos causaron certa polémica. Sobre os topónimos e as súas variacións no tempo falamos con Borxa González. Felicitamos á pallasa Natalia Outeiro "Pajarito", galardonada co premio Maruxa Villanueva de interpretación. No Día Internacional da Diversión no Traballo conversamos con Alba Polo, responsable de Júpiter, unha tenda de Ourense que busca divertir e entreter. Mateo Rodríguez cóntanos todo o que queremos saber sobre os petróglifos de Mogor. O concello de Avión reúne a maior concentración de canastros de Europa. Sobre eles falamos co profesor Antonio Doval e co presidente da asociación Vive Avión, Amancio Bruquet. Conversamos con Raul Bartolomé, director da gala especial de lembranza a Pucho Boedo que se pode ver en Agalega.gal. Julio Gosende convídanos á XVIII Feira de Oportunidades e Gastronomía de Celanova. Juan Blanco cóntanos como é o traballo dun viaxante de comercio. O doutor Norberto Proupín explícanos que é a andropausa.
-
577
A tarde 30-03-2026
O actor Adam Prieto cóntanos como foi o seu proceso de transición de muller a home. Conversamos con María Martinón, a paleoantropóloga ourensá que dirixe o Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana e acaba de ingresar na Academia Galega de Ciencias. Coñecemos a historia do Aeroclub de Lugo falando co seu presidente, Fran Abelleira. Sara Fernández, propietaria de A Cova Mel, preséntanos os envoltorios que fabrica con tea e cera de abella. A que lle chamamos brunch? Contesta Fran Domínguez, da cafetería Pacífico de Ourense. En Vigo, na confitería El Molino, comprobamos se están de moda as monas de Pascua. Falamos con Nerea Pallares, autora de "Punto de araña", porque a súa obra xa se publicou en castelán. Iván Carril avísanos do aumento de prezo dos dispositivos dixitais de almacenamento externo e Andrea Jamardo recoméndanos lecturas para a Semana Santa
-
576
A tarde 27-03-2026
No Día Mundial do Teatro falamos con Luma Gómez, unha veterana actriz galega que vai recibir este ano o premio de Honra Marisa Soto. Tamén coñecemos como é o traballo do tramoista. Explícanolo Elixio Vieites que leva tempo desenvolvéndoo no Centro Dramático Galego. Imos á Coruña para catar a mellor torrada da cidade na Mundiña. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, guíanos pola Festa da Reconquista. Outra rexedora, a de Boimorto, María Xesús Novo, fálanos da Feira de Maquinaria Agrícola e Produtos Ecolóxicos que se celebra no municipio. En Vigo atopamos a Miriam Barbosa, que nos ensina a elaborar palmas para o Domingo de Ramos. Fernando Rueda preséntanos o seu libro "No mellames traidor", inspirada no caso dun espía español condenado por traizoar a España traballando para Rusia. Facémonos eco das queixas dos veciños de Muras pola tardanza en reconstruir unha ponte caida durante os temporais do inverno. O astrónomo Borja Tosar cóntanos por que as grandes compañías tecnolóxicas proxectan poñer en órbita centros de datos de intelixencia artificial.
-
575
A tarde 26-03-2026
Programa especial dende A Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda, onde percorremos Enerxétika 2026, un certame no que empresas e profesionais conflúen en torno ao presente e o futuro de la enerxía
-
574
A tarde 25-03-2026
Só ou acompañado? Os oíntes cóntannos como prefiren viaxar ou ir a un espectáculo. As xornalistas Ana Pérez e Celeste Seoane cóntannos a súa experiencia viaxando soas. O compoñente máis veterano de Brath, Eloy Caldeiro, preséntanos o disco "45 Old", co que o grupo celebra 45 anos de vida. Na web Agalega.gal pódese ver o documental "Ennio, o mestre". Falamos sobre Ennio Morricone con outro compositor de bandas sonoras, Sergio Moure. Asistimos en Vigo aos preparativos da Festa da Reconquista. En Verín a arqueóloga Nieves Amado cóntanos a historia da presa Nai, no río Támega, esborrallada polos temporais deste inverno. O veterinario Marcos Fernández explícanos como pode afectar o cambio de hora ás mascotas e o doutor Proupín que é a rinite alérxica. Conversamos con Helena Salgueiro, autora, directora e intérprete do espectáculo escénico "Nortear". Comprobamos como funciona en Vilagarcía un negocio pioneiro dedicado ao aluguer de trasteiros.
-
573
A tarde 24-03-2026
Poden pensar as máquinas? Preguntámosllo ao físico e profesor Senén Barro. Xa existen "lavadoras para cans". Falamos con Arturo Díaz, propietario do establecemento Lavacán. na Coruña. Santiago Pîñeiro cóntanos a historia do seu pai Olimpio, un fotógrafo que comezou sendo zapateiro e que cambiou de oficio tras comprobar que podía ser rendible retratar aos turistas en Sanxenxo. Ten sentido facer unha exposición de arte contemporánea nunha aldea da Costa da Morte? Tomás Lijó pensa que sí. Coñecemos unha empresa da Guarda, Xorxios, que importa café verde de especialidade para tostalo. Manuel Carrera, presidente da comisión de festas do barrio de Coia, en Vigo, explícanos por que este ano non haberá atraccións. Recollemos as queixas dos veciños da avenida de Portugal, en Ourense, polas interminables obras que sofren. Preparámonos para a Semana Santa. En Viveiro Mari Carmen López dinos como funcionan as irmandades da vila e na Coruña Sara Coto introdúcenos no mundo das monas de Pascua. Tamén nos preparamos para presentar a declaración da renda coa axuda do asesor fiscal Francisco Lens. Maximino Pérez fálanos dos radares invisibles da DGT e das normas que debemos cumprir cando conducimos autocaravanas.
-
572
A tarde 23-03-2026
Falamos cos nosos oíntes dos pequenos roubos en tendas e supermercados, que acaban supoñendo o 1% da facturación desas empresas. José Gigerín, director xeral de Artio Nutrición, cóntanos como a súa empresa elabora bebidas isotónicas con auga das Cíes. Visitamos en Marín outra empresa, o Grupo Lirón, para que o seu xerente Alberto Pérez nos explique como se fabrican colchóns. E aínda pasamos por outra empresa, Vankings de Carballo. Alí Santiago Gómez dinos como se camperizan furgonetas. O director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, convídanos a facer unha visita guiada ás Cíes en Semana Santa. En Vigo escoitamos as queixas da veciñanza pola ocupación de ruas e prazas con terrazas de establecementos hosteleiros. Iván Corral advírtenos sobre os calotes con criptomoedas. Elvira García desvélanos os beneficios para os enfermos de Párkinson da práctica do tenis de mesa. Lembramos á compañía teatral Tespis coa axuda de Francisco Oti e Santi Prego. O antropólogo Rafael Quintiá fálanos de ritos e tradicións anteriores á celebración da Semana Santa
-
571
A tarde 20-03-2026
Celebramos o Día da Narración Oral coa escritora Soledad Felloza e coa profesora Camiño Noia. Falamos de paternidade co presentador Arturo Fernández. Visitamos o obradoiro de xoiería de Odile Cano na Coruña. O músico Alex Pazos, "Silee", traenos o seu novo éxito "Milajros de Amil". A deseñadora Ío Morales ensínanos a darlle unha segunda vida ás nosas prendas de roupa. Asistimos aos preparativos da Semana Santa de Viveiro con Carmen López e Isabel Méndez. Conversamos coas luguesas Raquel Lamas e Amanda Pérez, gañadoras do Premio ás mellores fotógrafas de recén nados. O astrónomo Borja Tosar explícanos en que consiste ao paradoxo de Fermi.
-
570
A tarde 18-03-2026
Falamos cun dos escritores máis lidos e tamén máis polémicos do momento, David Uclés. Raul Villares cóntanos os prolegómenos da Festa das Pepitas de Ferrol. A presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Nuria Rodríguez, explícanos como afrontar as picadas de animais como medusas, fanecas, abellas... Imos a Beade para que Pablo Oitavén nos diga como loitan nese concello contra a invasión de mimosas. Conversamos cun mozo de 22 anos de Sigüeiro, Martín Arosa, que axuda a grandes empresas a mellorar o seu posicionamento en LinkedIn. Presentamos a Salvador Pallares, un rapaz de 15 anos de Bóveda que se proclamou campión Galego de Columbicultura. Moncho Lemos fálanos da próxima gala de entrega dos premios Mestre Mateo. Talía Teatro estrea "Artur Ui, O ovo da serpe". Entrevistamos o seu director Quico Cadaval, e a un dos actores, Dani Trillo. O doutor Proupin explícanos o que é a endiometrose.
-
569
A tarde 17-03-2026
Son as nosas festas demasiado ruidosas? Escoitamos a opinión de Xosé Luis Méndez, vicepresidente da Federación Galega de Loita contra a Contaminación Acústica. Asistimos en terras de Pontevedra aos preparativos da romaría de San Bieitiño de inverno. Falamos co párroco de Lérez, Manuel Chouciño, que nos anuncia o lanzamento dunha marca de viño co nome d Mosteiro de Lérez, que está elaborado pola adega Lagar da Condesa. No Día Mundial da Banda Deseñada falamos co ferrolán Abel Alves, guionista e humorista gráfico. Fernando Méndez preséntanos a súa novela "La clave de Mozart". Conversamos coa cantante Alejandra Pais sobre a súa colaboración con DJ Sonic. Contamos a historia dun vigués a quen lle devolveron unha carteira con 500 euros que perdera nun centro comercial. Mónica Maneiro comenta a exposición de Eduardo Gil Alsina na Galería Néboa e Maximino Pérez contesta as preguntas dos oíntes sobre cuestións relacionados co tráfico e os coches.
-
568
A tarde 16-03-2026
Os morcegos poden ser os nosos aliados. Explícannos por que Pancho de la Barrera e Begoña Castiñeiras, que promoven a colocación de refuxios para estes animais na comarca do Umia. Falamos do problema da alitose co odontólogo Simón Pardiñas. Antonio Claro cóntanos como a empresa de Carballo Costumes Galicia pretende vender empanadas en Europa. Ivan Carril oriéntanos sobre como podemos borrar a nosa pegada dixital. Temos varias estreas musicais: o novo do vigués Pikete e o debut do grupo Unto Vello, que forman Bieito Pereira e Xavi Gómez. Buscamos reaccións á decisión do Concello da Coruña de renunciar a ser sede do mundial de fútbol. A criadora de porco celta Cristina Díaz preséntanos a nova Plataforma de Porcino de Cría Tradicional. O antropólogo Rafael Quintiá fálanos do culto popular a lúa.
-
567
A tarde 12-03-2026
Como somos uns lambóns imos a Ourense para que Martín Fernández, de Bagoa Gastrobar, nos prepare a mellor hamburguesa de España, a "SaboRosa", e á Coruña para coñecer as preparacións de María José Tercero en "La cuchara veggie", o mellor restaurante vexetariano de España. O repartidor de comida rápida Aclain Morales explícanos como é o seu traballo. En San Xoán de Río atopamos a un nonaxenario, Juan Pérez, que exerceu como afiador, e en Vilalba a Rubén, un mozo de 27 anos que decidiu facerse cargo das explotación de vacún dos seus pais e os seus avós. Jaime Mayor Oreja preséntanos o seu libro "Una verdad incómoda". Iván Prado fai un chamamento a colaborar na próxima edición do Festiclown, que se desenvolverá nos campamentos saharauis de Tinduf. Coñecemos a Javier Otero, un traballador do mar de Arousa que utiliza as redes sociais para defender a natureza. Participamos na xornada de portas abertas da Universidade da Coruña coa vicerreitora de estudantes, María José Lombardía. Embarcamos en Vigo no buque escola "Pelican of London". Falamos con Alberto Busto de "Cero", o disco de regreso do grupo lugués Arrhytmia. E ademais contamos coas seccvións de Tito lesende e Nusca Chousa.
-
566
Informatiu - INFORMATIU MATINAL
Tota la informació de les comarques de Lleida i d'arreu, a l'informatiu matinal de l'Un Dia Més.
-
565
A tarde 09-03-2026
Moitos concellos prohiben tender a roupa á vista por cuestóns de estética. Preguntámoslle sobre esta medida a un arquitecto, Carlos Enrique Fernández Coto, que ademais é presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. Imos a Bang!, un estudo de tatuaxes de Ourense para que Abraham Caride nos conte se moita xente se arrepinte de gravar a súa pel e nos explique como se borran esas tatuaxes. Conversamos con Anabel Carrillo, presidenta da Fundación Quien Sabe Dónde, sobre a busca das persoas desaparecidas en España. Visitamos a exposición da artista arxentina Luciana Rago no salón artesoado do Colexio Fonseca. Asistimos aos preparativos do concerto solidario que organizou o Conservatorio da Coruña a prol da asociación Bolboretas, que apoia as enfermas de cancro de mama. A artesá Pacita Pena dinos como se elabora o queixo de Friol. Iván Carril alértanos sobre calotes que se fan a través de whatsapp. Andrea Jamardo traenos novidades de literatura infantil e Rafael Quintiá fálanos das serpes na cultura galega.
-
564
A tarde 05-03-2026
Queremos saber que senten as persoas con alta sensibilidade. Explícanolo a sicóloga sanitaria Ana Belén Vidal. Imos a terras de Quiroga para coñecer unha parella, Verónica e Daniel, que levan 20 anos elaborando marmeladas artesanais. En Baiona Celestino Barreiros cóntanos que as súas cabras morreron tras comer restos de poda de hortensias. En Poio atopamos a José Antonio Martínez, que nos explica como coida dende hai 13 anos un papagaio. Está preto o Día da Muller e en Sanxenxo preparan unha gala de homenaxe ás mulleres rurais da que nos fala a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago. Na Coruña a ONG Ecos do Sur organizou "Editatona". Acudimos a esta chamada a editar en wikipedia páxinas sobre mulleres para rachar a fenda de xénero. Tito Lesende dinos quen son os candidatos galegos a recibir os premios da música independente. Tamén escoitamos a Santiago Cortegoso e Pablo Reboleiro, que optan a ser galardonados cos premios María Casares de teatro. O presidente da Federación Galega de Xoieiros, Óscar Rodríguez, fálanos do certame para escolares "Deseña unha xoia para a túa nai". Vituco Neira vai ata a praia de Razo para saber mais da residencia artística "Interritmos raices vivas" e ademais Nusca Chousa traenos os seus consello para coida-la horta agora que se achega a primavera.
-
563
A tarde 04-03-2026
Falamos da loita contra o envellecemento a través dos coidados estéticos co cirurxán Alejandro Quinto. Asistimos na Academia de Ana Prados en Compostela a un curso de xastrería tradicional. Dous cociñeiros do Grupo 9, Iván Domínguez e Javier Rodríguez, explícannos en que consisten os cursos que realizan nas escolas de hostelaría de Galicia. Falamos con Montse Fajardo, comisaria da exposición "Sinaladas", unha homenaxe a mulleres galegas que foron protagonistas de loitas sociais e laborais. Eva Mejuto debulla a programación do Salón do Libro de Pontevedra e Montse Escutía os contidos da feira Biocultura da Coruña. Percorremos o Museo Vivo de Maquinaria Agrícola de Láncara co seu director, Marcos Vázquez. Esther Estévez coméntanos a súa estrea como actriz nunha serie que se chamará "Coworquinaos". O doutor Proupín fálanos da caspa e da caída do cabelo.
-
562
A tarde 27-02-2026
Falamos da "telefonofobia", esa reticencias a falar por teléfono que notamos sobre todo nos máis novos. O noso experto en novas tecnoloxías Marcus Fernández explícanos como usa o teléfono a movidade. Enviamos a Tito Lesende a Bruxelas para que nos describa o ambiente do EmigraSON e fale cun dos seus organizadores, David Rebollo e con varios dos participantes, Martín Louro e Sabela Ramil. A directora da Mostra de Encaixe de Camariñas, Dolores Lema, fálanos dos preparativos deste certame. Aprendemos a compostar con Brais Boutureira nas Pontes. Conversamos coa cantante cubana afincada en Galicia Jamila "Purofilin". Coñecemos a opinión da veciñanza do Orzán sobre a nova ordenanza de terrazas da Coruña. E ademais o astrónomo Borja Tosar fálanos das próximas expedición á lúa e das lúas de Xúpiter.
-
561
A tarde 24-02-2026
Neste programa escoitamos a persoas que salvan vidas. O garda civil Ángel Rubinos cóntanos como evitou a morte por atragoamento dun rapaz de dous anos e os policías nacionais Fernando e Manuel descríbennos como rescataron do mar un home que estaba inconsciente. Conversamos con Ana, unha refuxiada ucraína que leva catro anos residindo na Coruña. Día de lecturas no que Marta Robles nos presenta a súa novela negra "Amada Carlota" e Bieito Alonso as súas "Crónicas trasatlánticas", un relato sobre emigrantes galegos que traballaron como mariñeiros ou estibadores. A música pona Lg1do, o nome artístico de Saul Rodríguez, un rapaz de Santa Comba que conseguiu colocar os seus temas entre os máis escoitados en spotify. A veterinaria Belén Pardo fálanos de como impacta a esterilización nas mascotas. Imos a Oimbra para que Azahara Chavero nos conte como utiliza o mel para producir cosméticos ou cervexa. Asistimos a un obradoiro de poda e inxertos en Ribadeo. O propietario da Sala Pelícano da Coruña, Luis Diz, explicanos como se tenta coar a xente nos locais nocturnos. Mónica Maneiro comenta a exposición de Sergio Marey na Fundación Granell e Maximino Pérez dinos como saber se nos colocaron un localizador no coche.
-
560
A tarde 20-02-2026
A neveira de Virtudes está chea de imáns. A organizadora de espazos Ana Barja dalle uns consellos para ordenalos. Falamos con dous madrileños, Laura Uz e Álvaro Muñoz, que se lanzaron á aventura de abrir unha libraría en Mugardos. Que pasa cando un homosexual termina nunha residencia? Falamos diso con Federico Armenteros, creador da Fundación 26 de decembro, que se dedica a atender a maiores LGTBI+. A tenente de alcalde de Abadín, Begoña Gaute, convídanos á XX Edición de Expogrelo. Falamos con Claudio Cerdeira, un dos integrantes da comparsa máis premiada deste ano, "Os parrandas" do Irixo. Tomamos un cocido no restaurante O Xugo de Lugo. Jamas, Mou e DJ Mil, os integrantes de Lumedoloop, preséntannos o seu disco "(Re)existencia". A presidenta da Fundación Salma, Ana González, fálanos da "Guía de dereitos en saúde mental". O astrónomo Borja Tosar explícanos como funcionan as "velas solares" para propulsarse no espazo.
-
559
A tarde 17-02-2026
Estamos entregados ao entroido. Imos a Santa Cristina de Cobres para participar na corrida do galo e ve-las madamas e os galáns. Falamos cunha peliqueira de Laza, un cigarrón de Verín e un felo de Maceda e Mónica Prego descúbrenos os pratos menos coñecidos destas celebracións. O sicopedagogo Miguel Lois explícanos se está ben recorrer ás listas para non esquecernos de nada ou é mellor exercitar a memoria. Samuel Villavivencia preséntanos o festival "O expreso de Cuba", que se desenvolve na Coruña. Coñecemos a José Rodríguez, un lugués que colecciona insignias. Falamos con Blanca Paula Rodríguez, que dirixe un curso sobre a historia da moda no Centro Galego de Arte Contemporanea. Mónica Maneiro comenta outro evento do CGAC, a mostra Internalities. Maximino Pérez dinos que pasa cos coches que dormen na rúa.
-
558
A tarde 16-02-2026
Programa moi entroideiro no que asistimos ao "enfrontamento" dos barrios de Feira e Castro Barreiro, en Salceda de Caselas; viaxamos a Pobra do Brollón para ve-lo oso de Salcedo; coñecemos ao loro Ravachol de Pontevedra; probamos as filloas e as orellas de Mari no restaurante Lois da Coruña: e nos mergullamos nas raices da festa co antropólogo Rafael Quintiá. Tamén temos moita música. Vanna poñer os Bule de Pontedeume e o muradán Dani García, de nome artístico DKaprichos. Virtudes e os oíntes fálannos dos seus amores platónicos e Raquel C. Pico dos amores imposibles da escritora Jane Austin. Coñecemos a Ana Miguéns, unha artesá que elabora xoias modernas inspiradas na tradición galega. Iván Carril fálanos de persoas que se fan pasar por repartidores de paquetes para roubarnos datos.
-
557
A tarde 13-02-2026
No Día Mundial da Radio pedímoslle aos oíntes que nos digan que significa para eles este medio e falamos con Santiago Veloso, coordenador do proxecto Ponte nas Ondas, que busca fomentar entre a rapazada a afección pola radio ao tempo que divulga o patrimonio cultural galego portugués. O tenente de alcalde de Taboada, Xosé Portela, convídanos a asistir á Festa do do Caldo de Osos. Visitamos en Oroso Talleres Fuentes para saber como fabrican alí cociñas e estufas de leña. En Pontevedra imos ao establecemento Delicias para que o seu propietario Iago Barreiro nos confirme se hai unha "febre" polas tortas de queixo. Conversamos con Wedo Goás, autor do mellor mural do mundo de 2025. O dúo vigués Acordeireta preséntanos o seu novo disco. Enrique Camoeiras, da Plataforma de Amigos das Termas de Ourense, cóntanos que problemas teñen estas instalacións. O astrónomo Borja Tosar infórmanos sobre a aliñación planetaria do próximo 28 de febreiro e preguntámoslle á propietaria do Hotel Las Sirenas de Viveiro, Mercedes Salgueiro, se o eclipse do vindeiro verán está facendo aumentar as reservas.
-
556
A tarde 12-02-2026
O día da morte do intelectual Xesús Alonso Montero lembramos a súa figura coa axuda de Enrique Monteagudo, Vítor Freixanes, Dolores Vilavedra, Xesús Rábade Paredes, Carlos Núñez e Carmen Blanco. O dúo Amaral actúa na Coruña e os seus integrantes, Juan e Eva, acompáñannos no programa. Imos á Veiga na procura de grandes xabaríns coa axuda do presidente da Federación Galega de Caza, Vicente Lameiro. O catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Mariano Lastra, explícanos por que este inverno se están erosionando moitos sistemas dunares da nosa costa. No Carballiño falamos cunha costureira que elaborou medio cento de disfraces para os veciños de Partovia. O traballador da Fundación Pública Urxencias Sanitarias, Óscar Estraviz, dinos por que considera necesaria a creación da especialidade de enfermería de urxencias. Laura Castreja proponnos pasar San Valentín nunha cabana de madeira en Fisterra. E ademais escoitamos os consellos de Nusca Chousa para a nosa horta.
-
555
A tarde 11-02-2026
Visitamos en Moaña a cooperativa A Meixoeira, unha gandería caprina formada por tres socios que elabora queixos artesanais premiados internacionalmente. Imos de médicos. O reumatólogo Carlos García Porrúa explícanos porque nos doen máis as articulacións con chuvia e frio e o doutor Norberto Proupín fálanos dos trastornos do sono. Laura La Montagne traenos o seu novo disco "SonRisas falsas". Tino Fernández, da sombrerería Iglesias, confírmanos que as cabezas son hoxe máis grandes que hai un século. A TVG estrea programa, "Somos animais". Recibimos ao seu presentador Hugo Pérez. No Día da Muller na Ciencia conversamos coa investigadora, Isabel Martínez Lage, a primeira muller que dirixiu a Escola de Enxeñería de Camiños da Universidade da Coruña. Ramón Romero Nogueira preséntanos o seu poemario "Millennalismo ou sátira dnha xeración".
-
554
A tarde 10-02-2026
Nunca é tarde para aprender a montar en bici. Dínolo Sila López, directora de Bici Escola Galicia. Coñecemos o entroido ribeirao a través dunha exposición fotográfica que podemos ver na Casa da Cultura de Chantada. Lembramos ao actor recentemente falecido Gonzalo Rey Chao coa axuda de Antonio Durán "Morris" e de Ana Santos, que o acompañaron en moitas xornadfas de rodaxe. A cantante Marián preséntanos o seu primeiro disco "Esperta muller salvaxe". Mónica Maneiro fálanos da exposición "Refugallo paintings", de Almudena Fernández Fariña. O catedrático Wenceslao González explícanos sobre que versarán as Xornadas de Filosofía da Medicina que se van desenvolver en Ferrol. Comentamos co director da Casa das Linguas, Christian Miller, o estudo que conclúe que os alumnos de idiomas que estudan cun profesor obteñen mellores resultados cos que utilizan aplicacións. Antonio Cortés, da Federación Galega de Pesca, cóntanos como afectan tantos dias de chuvia á vida nos ríos e Maximino Pérez explícanos que repercusión poder ter os temporais na saúde dos nosos vehículos.
-
553
A tarde 09-02-2026
Felicitamos a Nuria Grandío e Rodri Míguez, dous dos gañadores na última edición dos Premios Youtubeiras+, que recoñecen aos mellores creadores de contidos nas redes en galego. Visitamos o taller artesanal no que Quique Marín crea os mobles de madeira da súa firma Osso. En Foz conversamos con outra artesá, Esther Rojas, que elabora as marmeladas "As Coruxas". O monitor de natación José Manuel Pereira dinos como e cando se debe aprender a nadar. Asistimos á presentación dos actos que organiza este ano a Real Academia Galega co gallo do Día das Letras. Miguel Lago presenta o seu libro "Becquer en París". Preguntámoslle a Reyes Cuiña, da axencia Deza, se nota máis ansia por viaxar por mor do mal tempo. Andrea Jamardo recoméndanos un libro para nenos de Pere Tobaruela. Ademais conversamos con Iván Carril sobre o aumento dos delictos cibernéticos e co antropólogo Rafael Quintiá sobre o entroido.
-
552
A tarde 06-02-2026
Seguimos condicionados polo interminable temporal deste inverno. Neste programa falamos con afectados pola suspensión dos servizos ferroviarios e tamén cun galego atrapado no aeroporto de Berlín. O presidente da Asociación Galega de Ambulantes. Iago Vázquez, coméntanos as consecuencias do persistente mal tempo para os comerciantes dos mercadiños. Coñecemos en Salcedo o traballo de terapia con animais que desenvolve A Granxa de Fina. Escoitamos na voz de Javier Pastoriza, presidente da Zona Comercial Obelisco da Coruña, as críticas dos hosteleiros aos plans do Concello de modificar as terrazas da praza de María Pita. No capítulo musical recibimos ao cantautor Hugo Torreiro e entrevistamos ao virtuoso da corda portugués Luis Peixoto e ao contrabaixista Álvaro Iglesias, antes do seu concerto na sala Rebullón de Mos. Alicia Rodríguez, da tenda Don Disfraz, dinos cales son os disfraces que mais veremos este entroido e o astrónomo Borja Tosar explícanos por que se aprazou a misión de enviar de novo astronautas á lúa.
-
551
A tarde 05-02-2026
Só o un por cento das parellas deciden antepoñer o apelido da nai ao do pai. O sociólogo Jorge García Marín explícanos as razóns desa reticencia. Miguel Anxo Abraira cóntanos como se propoñen recuperar a figura do meco no entroido do Eume. Rochi Novoa fálanos do entroido de Xunqueira de Ambía e explícanos que son os "farrumecos". Patricia Porto preséntanos o concurso de escaparatismo convocado pola Federación de Librarías de Galicia. A matroa de Médicos Sen Fronteiras Gema Latorre cóntanos a súa experiencia en África, o continente con máis alta mortalidade entre embarazadas. Falamos con afectados pola suspensión do tráfico ferroviario en Vigo. Preguntamos como os incendios do verán están influindo nos corrementos de terra que se producen coass chuvias actuais. Felicitamos aos enxeñeiros Manuel Guaita e Manuel Touza, premiados polo Colexio de Arquitectos de Galicia pola súa investigación e promoción da construción en madeira. E ademais, temos as seccións de Tito lesende e de Nusca Chousa.
-
550
A tarde 04-02-2026
Neste programa temos moita música. Luis Fercón cántanos en vivo as súas novas cancións e o cantante do Caimán do Río Tea, Rafa Leiras, preséntanos o novo disco do grupo, "Vou pa Portujal". Ademais Xaime Fandiño preséntanos o seu documental "Sixtytolos", que versa sobre os precedentes da Movida viguesa. Visitamos A Factoría do Lume para que os fundadores desta empresa, Joaquín Pérez e Alba Breijo nos amosen os mollos picantes que elaboran. Falamos do tempo co doutor en estudos lingüísticos, Fernando Grova, que nos descubre o rico patrimonio fraseolóxico galego sobre esta materia. Rebeca Santamarina, profesional do sector inmobiliario, avalía a evolución do prezo da vivenda en Vigo. Cristina Fernández cóntanos como será a próxima edición de Galiciencia, a feira científica máis grande de Galicia. Conversamos con Toño Blanco, un creador de máscaras de entroido de Esgos. Coñecemos o Centro de Interpretación da Pesca da Pontenova coa axuda de Javier Lores e o doutor Norberto Proupín fálanos dun problema fecuente entre as persoas maiores, a fractura de cadeira.
-
549
A tarde 29-01-2026
Os oíntes cóntannos que obxectos de valor sentimental para eles nunca deixarían atrás. O fotoxornalista Brais Lorenzo, que cubriu profesionalmente moitas crises, sabe ben cales son esas cousas das que a xente non se quere separar. Felicitamos a Pablo Lodeiros, propietario de Bodegas Lodeiros, polos premios que acaba de obter o vermú que elabora. Imos a Vilagarcía para coñecer a Benito Agra, un home empeñado en comercializar nabicol en lata. A sicóloga Carme González Hermo fálanos dos efectos do tempo invernal no noso estado anímico. O cazador Senén Álvarez explícanos por que na Ribeira Sacra é doado atopar xabarínbs de 150 kilos, aos que el chama "vacamulos". Recollemos as queixas dos veciños de Torneiros, no Porriño, pola actividade dun "narcopiso". Visitamos na Coruña o Museo Estrella de Galicia coa súa directora Marta Rodríguez. Noutro museo, o do Pobo Galego, percorremos unha mostra de máscaras coa comisaria da exposición, Pilar Panero. E ademais contamos coas colaboracións de Tito Lesende, que nos achega as novidades musicais en Galicia, e de Nusca Chousa, cos seus consellos para a horta.
No matches for "" in this podcast's transcripts.
No topics indexed yet for this podcast.
Loading reviews...
ABOUT THIS SHOW
A tarde ofrece información e entretemento todos os días desde as 15 da tarde ata as 19 do serán. Na primeira hora xunto co ton humorístico de Virtudes debúllanse varios temas curiosos mediante entrevistas e faladoiros. Na segunda e na terceira hora van entrando xa algúns e algunhas das nosas colaboradoras especializadas en distintos temas: medicina, dereito, consumo, cine e moitos máis que nos traen unha achega ás súas disciplinas. Por último, na cuarta hora do programa achegámonos ás delegacións da Radio Galega para saber que está a ocorrer nas grandes cidades galegas.
HOSTED BY
AGalegaAudio
Loading similar podcasts...