DMR 2025 - Rede ESPORA
from Día Mundial da Radio
A fraseoloxía popular foi a miúdo, cando non existían as estatísticas, a encargada de nos transmitir as andanzas dos fenómenos meteorolóxicos no noso país. Grazas a ela sabiamos que en febreiro “Pola Candeloria, medio inverno vai fóra” ou que “cando marzo maiea, maio marcea” e que “Nadal mollado, xaneiro xeado” e se falamos de novembro escoitamos aquilo de “Por San Andrés, a primeira nevada ves” ou iso dicían os nosos antepasado. Pero seica iso do cambio climático está facendo que cambie tamén o conto, como explicar senón que no mes de novembro deste pasado ano, a cidade da Coruña bateu o seu récord de temperatura máxima absoluta para este mes, acadando os 25,3 graos de máxima, ou que en decembro, a xente estivera nas Rías Baixas galegas tomando o sol en bikini porque o termómetro alcanzaba os 20 graos? Tan confuso é todo isto que moitas veces escoitamos á galeguidade dicir aquilo de que a xente anda tola, e engaden “coma o tempo”! Supoño que a sabedoría popular non anda moi desencamiñada, pois con esa frase podemos ir tendo máis claro que o cambio climático, que moitos negan, é realmente obvio… E se nos parece que o tempo tolea á xente, que dicirvos da flora e a fauna… As persoas que se adican á fenoloxía, esa ciencia que estuda as relacións entre o clima e o almanaque natural das especies, é dicir a floración das plantas, a maduración dos froitos ou migración dos paxaros, téñeno claro, clarísimo: cando se altera algún factor climático, poñamos por exemplo a temperatura de setembro e, especialmente de outubro, pódense observar cambios nos ritmos das especies, así non nos resultará estraño que haxa plantas toleando e florecendo cando non lles toca, vamos algo así como que nós poñamos as sandalias no mes de decembro… En fin, amiguiños e amiguiñas que como non empecemos a cambiar os nosos hábitos de consumo e coidado do planeta, pode que teñamos que darlle a razón ao refraneiro co que empezabamos, e dicir aquilo de que “de aquí a 100 anos todos calvos”. Participan: CEIPP Vicente Otero Valcárcel - Carral IES Xesús Ferro Couselo - Ourense CEIP Milladoiro - Malpica de Bergantiños IES Universidade Laboral - Ourense IES As Barxas - Moaña CEIP Ramón de Valenzuela - Bandeira CEIPP Frián - Teis CEIP Víctor Sáenz de San Cosme de Antes - Mazaricos CEIPP de Chancelas - Poio CEIP de San Ramón - Moeche
Embed this episode
No transcript yet.