A actualidade está sobrevalorada podcast artwork

PODCAST · news

A actualidade está sobrevalorada

Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo do Podgalego da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Marta Otero, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que mantemos habitualmente en privado sobre do que se fala e do que se cala, do que sabemos que pasa e do que conxecturamos que pode pasar.

  1. 128

    Unha bispa e dous santos

    Temos unha bispa nova na oficina! Cristina Moreira vén de ser designada bispa pola Association of Roman Catholic Women Priest, un colectivo  católicas, apostólicas e romanas que reivindican o papel da muller dentro da Igrexa de toda a vida. Exercerá na Coruña, na Comunidade do Home (vaia!) Novo, aínda que non comprobamos se os seus actos litúrxicos de poden chamar misas ou non. Marta Otero Mayán (que tivo que meter o ordenador no conxelador para que se enfriase e quedou sen móbil antes de rematar o episodio) anda na súa procura para entrevistala, e os demais, Ana Luísa Bouza, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro felicitamos aos seus fegreses. E sen saír do sector, hai que felicitar a composteláns e compostelás en xeral pola decisión do Tribunal Supremo de facerlles devolver aos Franco a Santiago (ao Concello?, á Catedral?) a Abraham e Isaac, as figuras de pedra que un día estiveron no pórtico da Groria e desde mediados do século pasado, estiveron secuestrados no Pazo de Meirás.E aínda quedou tempo para comentar a neutralidade ideolóxica que predica a Consellería de Educación e que permite a un alto cargo da Inspección, Enrique Prado Cuevas, ter e escribir opinións nazis. Ah, e falar do xuiz Peinado, que a día de hoxe cargaría a ABAU pola ortografía.

  2. 127

    Uber, agresións e Koldo

    Legalidade? Que é iso de legalidade? Unhas compañías de transporte comezan a desplegarse na Coruña e Vigo sen os correspondentes permisos dos respectivos concellos. Persoal sanitario e educativo (agora non, porque rematou o curso) sofren agresións, e a Administración ten que lembrar que facelo é un delito. E por último Koldo, ese home, que non soamente as facía, senón que as gravaba. Reguleros de saúde –mais sen agredir a ninguén– Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro analizan como poden esta enxurrada de irregularidades.

  3. 126

    Madrid pon orde en Ourense

    O que non conseguira Xénova (a rúa) cos Baltar, parece que o vai conseguir un grupúsculo de retórica comunista e ideas de estrema dereita que apareceron, procedentes de Madrid polo barrio ourensán d'O Vinteún para anunciarlles aos veciños preocupados pola inseguridade cidadá que a única xustiza que existe é a que hai nun bate de béisbol (na parte contraria á que se agarra en concreto). Non sabemos que opinará o alcalde González Jácome desta intromisión no seu territorio.Polo demais, aínda non se extinguiron os aplausos ao exconselleiro do Mar, Alfonso Villares o Aclamado, e o presidente Rueda xa lle contestou a oposición en sede parlamentaria que a culpa de todo téñena en Madrid (os que gobernan o Estado alí, enténdase). Finalmente, Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro concordan en que unha facultade de Medicina para Galicia é pouco (en Andalucía hai seis) e oes, se non queren crear outra na Coruña, pois que a poñan en...

  4. 125

    Os conselleiros, ai os conselleiros!

    Non foi unha semana fina para a nosa clase dirixente. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, dimite (entre aplausos!) ao ser notificado que está investigado por agresión sexual. E a Xunta fai un fiscal-xeral-do-estado ao revelar presuntamente a identidade da denunciante. E o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, líase na explicación dunha circular aos institutos sobre como manter a neutralidade ideolóxica en asuntos como Gaza ou Ucraína, poñendo como exemplo as patacas. Da o mesmo acompañar usar como gornición as fritidas como as cocidas (aínda que un nutricionista ou un cardiólogo non opinarían o mesmo) que estar a favor de Israel ou da poboación masacrada de Gaza, ou –o exemplo é tamén do conselleiro– poñer nas aulas as bandeiras de Ucraína ou de Rusia (solución: non se debe poñer ningunha).Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán, Xosé Vázquez Hermida e Xosé Manuel Pereiro aseguran que farán o esforzo de aprenderse os nomes de todos os membros do Consello da Xunta, dada a importancia política de todos eles, que ata o momento descoñecían.

  5. 124

    As Guerras Médicas e unha recepción impresentable

    Volven os 80 e as súas tolas desputas localistas? Marta Otero Mayán, secundada por Ana Luísa Bouza, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro explica que non, que a pretensión do rector da UDC, Ricardo Cao, de impartir Medicina vai máis alá do clásico «culo veo, culo quiero». Para ver se concordan ou non, terán que escoitar o podcast. Tamén para entender a postura de Alberto Núñez Feijóo e do PP sobre do uso do galego, o catalán e o euskera no Europarlamento, que aquí din que si e en Madrid e Bruxelas din que non. Para o que non lle fai falta escoitar nada é para entender a recepción, na Xunta e no Parlamento, ao embaixador de Israel. Recibir ao representante dun goberno xenocida non ten explicación ningunha, e agardamos expectantes unhas desculpas.

  6. 123

    Mondariz Balneario, Avión e unha absolución

    Que pasa no Balneario? Parece o titulo dunha clásica novela de misterio británica, pero é a historia real duns 300 migrantes refuxiados no concello máis pequeno de Galicia (700 habitantes) que acabaron sendo atendidos pola poboación ata que a Xunta e/ou o Goberno os expulsa. Do mesmo xeito que se foi (do partido, pero non do cargo) a concelleira de Vox en Avión, Lilian Cerdeira a única que tiña en Galicia a formación de ultradeireita. E outro que deixa, o cárcere, é Alejandro Míguez, o cuarto adulto condenado polo asasinato de Samuel Juiz, absolto por decisión do Tribunal Superior. Todo isto dálles para falar a Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro máis do habitual (que non é pouco).

  7. 122

    Xente que se vai, xente que vén

    Ademais de Pepe Mujica (ao que Xosé Manuel Pereiro se empeña en chamar «Mújica«, como Mújica Laínez ou Múgica Herzog, a diferenza de Ana Luísa Bouza e Xosé Hermida) e noutro moi distinto nivel, foise (só do cargo) a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua, presunta madriña da idea de pintar de verde a futura cheminea de Altri para convertila en icona gráfica. Na administración non saben conservar xente con tanta visión de futuro.Si saben amarrar a quen garda as esencias da información pública ao servizo de quen manda, e así virá como directora xeral de algo que xa non se chama CRTVG a Concha Pombo, que de ser responsable do que chamaban información, agora será titular de todo o tinglado.E para rematar en alto, un chamamento a celebrar, se é posible con pandeireta, o Día das Letras Galegas, dedicado, como saben, as mulleres que gardaron de forma practicamente clandestina a nosa cultura popular nas cociñas, como ben poden ler en Luzes. A todo isto, onde anda metida Marta Otero Mayán?

  8. 121

    Eleccións alí arriba e aquí ao lado

    A tal hora, o Espirito Santo e o electorado portugués están convocados a escoller os próximos dirixentes no Vaticano e no Palacio de São Bento. Parolini ou Luis Montenegro?, Cristóbal López ou PedroNuno Santos? Terán opcións a extrema dereita de André Ventura ou o filipino Pablo Virgilio David? Unhas eleccións tan apretadas queAna Luísa Bouza, Marta Otero Mayán, Xosé Hermida eXosé Manuel Pereiro nin se atreven a facer unha porra.Apretada tamén a votación que aprobou no Congreso as medidas contra os arancelazos de Trump, e que nin o tradicional empresarismo do PP de Feijoo (e de calquera outro) foi capaz de impoñerse á teima anti Pedro Sánchez, non xa para votar a favor, se non siquera para absterse.E por último, o misterioso e penoso caso dos mortos nos contedores de papel da Coruña e Zaragoza. Desleixo social, homicidio, falta de seguridade?

  9. 120

    O Día dos Transistores (e do Traballo)

    Onde estabas ti ás 12,33 do 28 de abril de 2025? Cóntannos aquí a súa peripecia persoal Ana Luísa Bouza (na casa), Marta Otero Mayán (na ducha), Xosé Hermida (no Congreso, que había luz) e Xosé Manuel Pereiro (teletraballando) pero as horas seguintes todos, como a maioría da xente, coa orella pegada ao transistor, como os futboleiros de antes as tardes de domingo. Pero no episodio actual de A Actualidade está sobrevalorada tamén se fala da decisión do Tribunal Constitucional de non decidir sobre a Lei Trans (é dicir: decidir non tomar unha decisión de momento) e do Día do Traballo, que ten cada vez máis un carácter político que meramente sindical.

  10. 119

    Cónclave no Hórreo

    O balance de xestión e promesas no Parlamento Galego non foi tan ameno como o Estilo Galicia da semana pasada na Cidade da Cultura, pero tamén nos deu que falar. O presidente Alfonso Rueda está decidido a marcar paquete político propio e pedir permisos as competencias de dar permisos para todo: para Altri, para plantar eucaliptos, para construír no litoral… De doce anos de seca de traspasos a media ducia en tres anos. Como din os charlatáns das feiras «Venga, que nos las quitan de las manos!». Mentres, aló en Roma tamén hai debate, pero para ver a quen poñen no trono de Francisco Bergoglio. Un filipino? Un húngaro? Un ghanés? Fariamos apostas pero a cousa está máis difícil que cando na quiniela poñen partidos da calcio de Italia.

  11. 118

    Estilo Galicia, HEY!

    Que a toma de posesión de Trump foi un espectáculo televisivo? Pois aquí un evento non menos mundial como o I Ano Triunfal de Rueda non foi para menos. A Xunta tirou a casa pola ventá (a TVG) e fixo un reallity show daqueles do xénero do exhibicionismo emocional no que a xente do común ía dar testemuño das súas alegrías e os seus pesares nas pantallas. Neste caso, das súas alegrías, gracias á «Dios e á Xunta», pola orde que queiran, que a orde dos favores non altera o produto. O balance serio, no Parlamento a semana que vén, e xa nolo contarán Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro, pero de seguro que non o pasarán tan ben (eles).

  12. 117

    Altri, Sargadelos, as transferencias e un bolseiro

    Unha empresa que ameaza con irse se non lle dan cariño e 250 millóns de euros, e un empresario que di que pecha ou non, segundo lle dá o aire. Non puidemos escoller mellor ocasión para volver ás súas orellas, e presentarlles, de paso, a unha nova promesa da opinión. Escoiten e xulguen.

  13. 116

    Live in Lugo!!!

    Conseguimos un dos nosos soños: actuar en directo (aínda que sexa nun cárcere).  Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán, Xosé Manuel Pereiro e Lois Pérez (no papel de Antón Losada) estivemos rodeados dun público amigo e rebuldeiro e dunha chea de Castelaos (que resultaron ser os concelleiros do BNG). Comparamos os cárceres, as estacións de buses obsoletas e o falamos de dous fenómenos misteriosos: a Administración que non quere que lle dean cartos e o teléfono antiokupas ao que non chama xente que quere que a libren de okupas.NOTA: As nosas condolencias á corporación municipal e á familia e amizades da alcaldesa, Paula Alvarellos, que falecía tras sufrir un infarto precisamente mentres nós gravabamos o podcast.

  14. 115

    O ano que ruedamos perigosamente

    Vai para un ano que subimos, a maioría do electorado que acudiu ás urnas, ao bus do PP que conducía Alfonso Rueda. Que pasou desde entón? Que cambiou no goberno (a maiores duns funcionarios medoñentos que foron substituídos por outros afoutos que son quen de dicir amén ás pretensións dos xefes)? E na(s) oposición (s)? Porque no País parece que pouco, que os problemas seguen a ser os mesmos, pero máis vellos e grandes. Escoiten a Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, que ademais estrean sintonía (musical, entre eles xa a teñen) que se despiden da audiencia ata a semana seguinte, LIVE IN LUGO!

  15. 114

    Independencia, salarios e alerta cinexética

    Non, a alerta cinexética da que avisa a conselleira de Medio Ambiente?,Ángeles Vázquez, non é a dos partidos de esquerda contra a presenza no nomenclator de vilas e cidades do nome do exministro de Franco e expresidente da Xunta,Manuel Fraga. É sobre que hai xabarís soltos na Autoestrada do Atlántico. Un caso máis de apenovismo, porque os xabarís andaron ceibos de toda a vida, e por todas as estradas, grandes e pequenas, de Galicia. Unha polémica, no pensar de algún/algunha dos contertulios (xa saben,Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro) igual de parva que a de se os que cobran o salario mínimo teen que declarar ou non o IRPF, cando en España se estima que hai, en artefactos financieiros legais, 300.000 millóns de euros, que cotizan un 2% ou 3%, e o imposto de sociedades está deseñado de forma que, canto máis ganan, menos contribúen fiscalmente.Un podcast completo no que se fala tamén de que en Galicia non só hai unha lista de espera para a dependencia, senón dúas (unha para que cha recoñezan, de un ou dous anos, e outra para cobrar, de seis a doce meses). Non haxa medo: o Goberno vai implantar un plan de choque, que inclúe cambiarlle o nome por Ley de Autonomía, e a Xunta, para non ser menos, cartos non se sabe se vai poñer, pero outro plan si. Unha suxestión: pódenlle chamar Lei de Independencia, que o marqueting xa está feito.

  16. 113

    Louzán, as urxencias e a connivencia

    Galicia, unha vez máis pioneira. Neste caso, na xurisprudencia administrativa. O Tribunal Supremo absolveu a Rafael Louzán do delito de prevaricación porque se é ben certo que o hoxe presidente da RFEF e daquela da Deputación de Pontevedra inventou un concurso público para darlle uns cartos a unha empresa determinada, foi para pagar unhas obras acordadas mediante «connivencia» (sic) dos involucrados. O «ti vai facendo» ratificado pola alta xurisprudencia. Pero non só somos pioneiros na superación na Lei de Contratos pola vía dos feitos. Tamén o somos en terceira idade tecnolóxica. Os nosos vellos, e vellas, controlan que te cagas os trebellos, segundo o conselleiro do ramo. E se podes distraerte fedellando no aparato, que necesidade teñen de ir ao centro de saúde? Con mirar en Google que lles pasa e pedir o remedio por Amazon, amañado. Igual de rauda foi a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez e/ou o presidente Rueda. Como o BNG e os seus secuaces tiñan ameazados aos funcionarios para que non emitiran informes a favor da instalación de Altri, nunha xogada mestra e secreta cambiou aos responsables de facer eses informes por xente menos sensible (unha delas, causalmente casada co director de Ence-Pontevedra), tal e como conta neste mesma web o compañeiro Juan Oliver.

  17. 112

    «El palacete, el palacete»!

    Que pasou co Palacete de París que a Gestapo lle incautou aos vascos e que o PP tiña a firme convicción de que debería seguir sendo propiedade do Patrimonio Público do Estado? (Tan firme que mesmo votou en contra da suba das pensións, as axudas aos afectados da DANA e aos usuarios do transporte público para que pasase a mans dos «aprovechateguis»[© Miguel Tellado] do PNV). O que tampouco saben Ana Luísa Bouza (pódena felicitar, está de aniversario), Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro é que vai pasar cos concelleiros electos nas listas do PSdeG-PSOE en Compostela. Porque dos seis, catro están algo díscolos e sen propósito da emenda. Tampouco saben que lles pasa a algúns funcionarios da Xunta que, segundo a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, mesmo non durmen por medo do que lle poidan facer «o BNG e os seus secuaces» se fan algo a favor de Altri. Aparéceselles Néstor Rego pola noite? E por último, para eses que se apelidan Queijo, Enjamio ou mesmo Feijóo (por non falar de Otero ou Losada), a RAG ten un remedio: expídelle un certificado raudo para que devolvan o seu nome familiar ao idioma do que nunca deberían ter saído.

  18. 111

    Europa, sé forte!

    Despois da pompa e circunstancia da toma de posesión de Donald Trump e seu séquito de tecnooligarcas, e a teor de a que líderes convidou ao aplaudirlle, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e mesmo Xosé Manuel Pereiro teñen claro os obxectivos deste segundo mandato do magnate e presentador televisivo: vai por Europa. E non precisamente a facerlle as beiras e tirarlle fichas. Tan claro como que os obxectivos, por activa ou por pasiva, da política sanitaria da Xunta son facilitarlle o negocio ao sector privado. O episodio deste semana comeza cunha desgracia, e remata con outra: o recordo ao falecido Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro, un pedazo da historia audiovisual e da recente cultura popular de Galicia.

  19. 110

    Socialistas, privatizacións e un senador veloz

    Que vai querer ser o PSdeG de maior? Esa é a pregunta que parece formularse no día a día. Rompe co BNG en Foz, sométese á cuestión de confianza na Coruña e anda en liortas consigo mesmo en Santiago. E mesmo hai quen sigue cuestionando o liderado de José Ramón Besteiro. Que tampouco é que sexa moita novidade na historia do PSdeG, que leva disparándose no pé toda vida sen necesidade de xuntarse en Amio.O que sí que teñen bastante traballado é a técnica do goberno municipal da protesta, e como mostra o apoio de Caballero, secundado por outros alcaldes e alcaldesas da área sanitaria de Vigo á convocatoria da manifestación en defensa da sanidade publica que terá lugar hoxe xoves. Se vostede nunca sabe que dicirlle a ese familiar que sempre defende a eficacia e aforro que aportan as privatización aproveite o episodio de hoxe porque o profesor Losada vai darlle o argumentario que desmonta esa mentira. Mentir, porén, é o dereito que asiste aos acusados nos tribunais, e así, pese ao que asegurou o velocimetro da Garda Civil, o senador Manuel Speedy Baltar asegurou que el non circulaba a 215 km/h cando o pararon na A6.

  20. 109

    Manifestación, competencias e a señora Scrooge

    Esta semana acumúlansenos os sucesos históricos. Abríase xa o domingo coa masiva manifestación contra a instalación da factoría de produción de pasta de celulosa pola compañia Altri, na que entre 50.000 e 100.000 persoas, (máis outros cantos en espírito que non estiveron por problemas de axenda) e sen deixar tempo para unha reacción proporcionada da Xunta chegou, case por sorpresa, unha nova cesión de competencia para Galicia. Desde os tempos dese goberno que non debe ser mentado que non se producía semellante fito. Nós non temos moitas dúbidas en que é algo bo para Galicia, outra cousa é o que fagamos coa competencia. As dúbidas deixámolas todas para o que vai pasar coa nova presidencia da RFEF, que igual non era a mellor idea nomear a alguén cunha inhabilitación pendente por confirmar polo Supremo, mais que saberemos nós que non nos dedicamos a gobernar o fútbol. Para rematar, comentamos a sentenza do xuizo pola violación multiple sufrida por Mme. Gisèlle Pélicot e ademais de agradecerlle que dera a cara por todas dedicamos uns fermosos pensamentos para a outra parte no xuizo. Como é o derradeiro episodio do ano, Antón Losada, Marta Otero Mayán, Ana Luisa Bouza e Xosé Manuel Pereiro aproveitaron para felicitar as festas para toda a xente que escoita o podcast e a toda a tribo de Luzes, mesmo algunha que non sabemos se acabará sendo a señora Scrooge.

  21. 108

    Altri, Alcoa e outras formas de aparvar

    Como se pretende instalar Altri na Ulloa ou como quere ficar Alcoa na Mariña? As dúas multinacionais e os seus socios locais usan a mesma táctica, aparvarnos a ver se cansamos. Esa é a teoría que manexan Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro no noso episodio de hoxe, no que fan un chamamento a manifestarse o domingo 15 de decembro en Santiago contra a celulosa e outro chamamento a que fagan seu traballo á Xunta e ao goberno central para que asuman as súas responsabilidades no caso da factoría de alúmina-alumnio en Xove. A maiores, aínda lles queda tempo para pasmar co papo da administración autonómica, que devolve ao Estado millóns de euros que non dá gastado/ou non quere gastar en garderías públicas. E para apostar pola palabra do ano que escolle a RAG. Na nosa urna, Aparvar(se) levou 3 votos e Cantareiras, 1 (adiviñen quen a que). Pero vostedes voten como se fosen libres.

  22. 107

    Remataron a Asemblea e o Congreso, queda Jácome

    Contra o prognóstico dos diarios de referencia, o BNG saiu indenme e radiante da súa XVIII Asemblea, con Ana Pontón tan pimpante como portavoz, e o PSdeG foi a excursión a Sevilla e non só non perdeu unha silla, senón que ganou unha: foi con cinco representantes e volveu con seis. Menos dá unha Pedra (Sánchez). Mentres, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, decidiu que o seu é a verdade sen fronteiras, sen intermediarios e sen xornalistas que fagan preguntas incómodas. Así que se vai limitar a saír pola súa televisión, e arreando. Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro non saben que facer con este regalazo mediático.

  23. 106

    Un veredicto, unha conselleira, unha asemblea

    A deliberación máis extensa dun xurado deu froito por fin, e a nós –e a todo o mundo– nos pillou en finde, pero iso non impide que Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro debullen o resultado e dean a súa opinión arredor o veredicto sobre o asasinato de Samuel Luiz. Tamén comentan o sorprendente ataque destroy da conselleira de Igualdade, Fabiola García, ao sistema Viogen de vixilancia de mulleres ameazadas, non porque non sexa criticable, senón porque non parece moi normal poñer a caer dun burro o que hai sen propoñer algo mellor. Ou si, non queden calados, ou mellor caladas, e digan algo. E para rematar, o proceso pre-asamblear no BNG, que a nós nos parece normal dentro dunha organización, pero a outros unha descarnada loita polo poder. Consideran que La Voz de Galicia debería constituirse como corrente de opinión organizada dentro do Bloque? E nós (nós-nosoutros, non Nós)? Comenten e debatan ata o próximo episodio, que como a campaña de Nadal e a do IRPF, chegará no seu tempo.

  24. 105

    Luces en Vigo, sombras en Muface e no PPdeG

    Vigo inaugurou o Nadal no planeta e máis alá co encendido das luces. É bo ou malo para a veciñanza? Para o alcalde Abel Caballero, desde logo, é inmellorable. Os que están máis a escuras son os afiliados a Muface, os funcionarios que teñen asistencia sanitaria a través das aseguradoras e que non saben a tal hora se desde o 1 de xaneiro do ano que vén seguirán atendidos polo seu seguro habitual ou terán que migrar ao Sergas. As compañías de seguros que ata agora atendían os mutualistas (Adeslas, DKV e Asisa) din que os 3.000 millóns longos de euros que reciben do Estado non lles chegan a nada, e o Ministerio de Sanidade que non hai problema en acoller ao millón e medio de refuxiados que virían da mutua funcionarial. Mentres, no PP de Galicia hai un conato de resurrección boina, Daniel Chapela, coordinador de Cultura da dirección do partido e concelleiro en Bueu vaise chamándolle inútil e de todo menos bonito ao conselleiro de ídem, Lingua e Xuventude, Jose López Campos. É Chapela o derradeiro galeguista no PP, como aqueles soldados xaponeses perdidos que non sabían que rematara a guerra, ou hai algo máis? Escoiten a Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, e quizais non aprendan nada, pero polo menos pasarán o tempo.

  25. 104

    Feijoo non vai ao Parlamento, pero queda en Twitter

    Unha semana máis o mundo non deixa de sorprender a Antón Losada, Ana Luisa Bouza, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, o que fala bastante da súa capacidade para o asombro, porque hai cousas que son máis predecibles que o guión dunha peli de tarde. Por exemplo as maneiras pouco democráticas e nada deliberantes do grupo parlamentario do Partido Popular de Galicia, que xa non perde o tempo nin en votar en contra as peticións de comparecencia da oposición na comisión sobre os contratos menores na pandemia e a xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro. Que o noso Alberto pida a comparecencia de outros mentras escapa da súa entra dentro do mesmo guión e nin pide perdón nin parece que lle importe. Os que si que pediron perdón esta semana foron varios acusados de asasinar a Samuel Luiz cunha malleira. Din que non son culpables, mais piden perdón. Cousas veredes. E outro que non pide perdón porque vai ao seu é Elon Musk, e así iste vaise e aquel vaise e todos, todos se van; Twitter sin xentes quedas que te poidan traballar. Cara onde marcha a xente? Pois non se sabe moi ben, mais de entrada para onde non se organice todo para que teña razón sempre a ultradereita.

  26. 103

    Trump, lodos e bulos

    O lodo non só está a cubrir rúas e casas en Valencia. Tamén cimenta carreiras políticas, en todas partes. Por exemplo nos Estados Unidos de Norteamérica, onde Donald Trump un candidato que renega da democracia liberal que é o tótem do país acaba de ser reelixido presidente, e coa maioría do voto popular. Os aquí presentes, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, tentan aclarar algo o camiño dos lodos, aquí e aló. Quen non parece moi disposto a aclarar nada é o grupo parlamentario do PP de Galicia, que entre a lista non negociable de comparecencias da comisión de investigación sobre as contratacións de Sanidade nos últimos anos (Hospital Álvaro Cunqueiro, parentes mellorados de Alberto Núñez Feijóo...) non contempla precisamente a comparecencia de quen foi o responsable de todo (e magnífico xestor, segundo el propio) durante 15 anos, o tal Núñez Feijóo.

  27. 102

    As traxedias

    A actualidade de fóra, por moi sobrevalorada que estea sempre, neste caso imponse. As riadas de Valencia, que tamén afectaron a Castela-A Mancha e a Andalucía, cobráronse unha cantidade de mortos aínda sen precisar, pero que todo indica que constituirán unha das maiores, se non a máis grande, en vitimas de todas as catástrofes ambientais no Estado. Catástrofe é tamén o asunto Errejón. Catástrofe persoal para el, pero tamén para o seu grupo –ou grupos políticos–. Non está o tamborileiro para gaitas, e o único que nos saca do pozo é o premio das Letras Españolas ao noso codirector, Manuel Rivas, que desde xa nos debe unha paparota.

  28. 101

    Botamos de menos 'El Caso'

    Pois si, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro conversaron sobre como vai transcorrendo a vista oral pola morte de Samuel Luiz, e a súa repercusión en medios e redes, e chegaron á conclusión de que botaban de menos o xornal El Caso e aquelas outras publicacións de sucesos que servían como referente –negativo– para que os medios serios souberan a que estremos non debían chegar. Pero tamén tocaron outro tema de gran incidencia social: a vivenda. E aquí salta a sorpresa: os pisos están caros? Non! Son os salarios os que están máis baixos ca nunca. Tanto que nin chegan para alugar. Escoiten se non o cren.

  29. 100

    Falade galego (pero sen molestar)

    A ver. O número de galegofalantes diminúe como o cash dun mileurista, pero o problema «está aí fóra», segundo Alfonso Rueda. Como acontece co resto dos problemas reais, a Xunta non ten nada que ver. Da administración autonómica depende a educación, os medios de comunicación públicos (e, en boa medida, os privados-privados e as empresas que xestionan concesións públicas), a relación cos administrados... pero o problema «está aí fóra». Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro dan o seu punto de vista de neo/paleo falantes sobre o particular, e non –spoiler– para estar de acordo. Pero será mellor que o escoiten, que se explican eles –ou case todos eles– mellor. Tamén conversan sobre o inicio do xuízo aos que mataron a Samuel Luiz unha noite de copas na Coruña e sobre a chegada da locomotora (ai, non, do AVE!) a Ourense.

  30. 99

    Cartos e hostias

    Alfonso Rueda decidiu aforrar. Aforrar a súa exposición pública no Parlamento, cando menos, e substituír o tradicional debate do estado da autonomía por unha comparecencia na que vai contar que fai cos cartos. 1x2, ao contrario que as ofertas comerciais. Se queren saber onde vai meter o que saca dos nosos impostos terás que escoitar as explicacións detalladas de Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro. Se o que che interesa é a folga nos medios públicos (e nalgún privado) vas ter que estar moi atento porque non aparece por lado ningún. E se aínda estás escandalizado pola impunidade dos nazis que fixeron o que lles petou o domingo pasado na Coruña, este é o teu podcast.

  31. 98

    Volvemos, pero non en tren

    Primeiro había que usar o tren a toda máquina, porque era máis racional e ecolóxico, e por iso daban os billetes de balde. Agora resulta que viaxamos en ferrocarril por riba das nosas posibilidades, e moi por riba das nosas expectativas de chegar puntuais. Así que A Actualidade Está Sobrevalorada volve -non era sen tempo– pero a cabalo dos micrófonos. Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro volven facéndose preguntas de tanto calado como: «pagará a pena apuntarse a esa empresa eléctrica que di Alfonso Rueda que vai crear?», «Eulen é nome de muller, e concretamente de parente feminina?», «que pecado cometeu o pobre de Álvaro Cunqueiro para que se asocie o seu nome a un pufo hospitalario?».

  32. 97

    Os enganados de Palas de Rei e as cartas aurienses

    Tiña ou non tiña razón aquel que dixo que se podía enganar moito tempo a algunha xente, e a moita xente por un tempo, pero a toda a xente todo o tempo? É aplicable o dito á xente de Galicia, e en concreto a quen acudiu a manifestación contra Altri en Palas de Rei? 20.000 personas son moitas en Madrid e poucas en Palas? Debates cuánticos nos que se ensarillan, como é habitual cada semana, Ana Luísa Bouza (na central de datos), Antón Losada (que está corrixindo exames), Marta Otero Mayán (que está a facer a mochila) e Xosé Manuel Pereiro (sus labores). Nesta ocasión, a maiores de discutir que tal o fai Alfonso Rueda como comercial de Altri, os nosos lingoreteiros e lingoreteiras analizan outro informe do Consello de Contas, descobren que está cheo de bolxeviques escollidos polo Parlamento -si, o que preside Santalices- única explicación posible a que saquen a conclusión de que a Xunta calcula mal o que lle custan os servizos que ten que dar á cidadanía. E para rematar, ofrecemos minuto e resultado das cartas que se cruzan en Ourense o alcalde Jácome e os seus aliados/opositores. Imposible dar máis.

  33. 96

    Non é país para trens (nin para preguntas)

    Como era de temer desde que se comezou a falar do porto exterior erradamente chamado da Coruña, os cartos que custou facelo vannos ter que pagar os coruñeses, en cómodos prazos de terreos portuarios públicos. Todo iso despois de crearse mesas que elaborarán estudos e comisións que elevarán informes, o que fará que a débeda non baixe, pero o persoal e os periodistas estean máis entretidos, polo menos <strong>Marta Otero Mayán </strong> que anda nesas cousas, e <strong>Xosé Manuel Pereiro,</strong>que xa o via vir hai tempo. Ou iso supoñemos, porque nas comparecencias públicas non houbo prefuntas, ou máis axeitadamente, non houbo respostas, porque preguntas si que debería haber algunha que outra. Exactamente igual que as comunicacións por tren, que ían ser rápidas, pero o famoso Avril chegará remolcado en Agosto, e o propio <strong>Alfonso Rueda, </strong>segundo lembrou <strong>Ana Luísa Bouza,</strong> foi a Lisboa a pedirlle ao Goberno Central (de España) que meta os cartos todos na conexión Vigo-Lisboa, e a rede ferroviaria interior xa se verá pa cuando. Mentres, <strong>Antón Losada</strong> foi desprazado a Barcelona para comprobar que os trens de proximidade de alí (Rodalies) haber hainos, pero en cuestión de puntualiadade e horarios, como se non os houbese.

  34. 95

    Marta, ven en tren!

    Marta Otero Mayán, como Escarlata O’Hara, xurouse a si mesma que nunca madrugaría por home ningún. Pois rompeu a promesa a semana pasada, certo é que por un homazo de altura –cando menos física– como o ministro Óscar Puente. Segundo nos contou a Ana Luísa Bouza, a Antón Losada e a Xosé Manuel Pereiro tivo que poñer as pilas para estar na estación de tren de Ourense ás 9,30 da mañá, e facer a viaxe de volta no afamado tren Avril. Todo iso levounos  a plantear unhas dúbidas metódicas: Por que o ministro Puente –e non só el– teñen a teima de andarse subindo aos trens para facer declaracións? Porque teiman en dicir que Galicia queda así xa comunicada, cando o que queda comunicado é Madrid, porque aquí segue sen haber máis transporte que o propio entre cidades importantes? Polo demais, en atención á data tamén se produciu –ou mellor se reproduciu– o debate sobre se ao galego lle vai ben –como sostén o novo conselleiro de Cultura, José López Campos–, ou mal –como aseguran o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e as estatísticas…

  35. 94

    Que contas as do Consello de contas

    Vd sabe en que se gastan os cartos na sanidade pública? Ou por que din que é máis eficiente desviar pacientes á sanidade concertada? Non haxa pena. Nin o sabe vostede, nin Ana Luísa Bouza, nin Marta Otero Mayán, nin Xosé Manuel Pereiro e nin sequera Antón Losada. Tampouco o sabe a Xunta de Galicia, que é quen administra todos eses cartos (case 5.000 millóns de euros, o 40% do presuposto da administración autonómica). O Consello de Contas, o organismo público encargado de fiscalizar as ídem públicas, tampouco o sabe, pero polo menos sabe que non sabe nada: que a Xunta non ten unha contabilidade do gasto en sanidade desde 2010, e que os orzamentos do SERGAS son unha ilusión, como o cupón da ONCE. Pero tamén se falou de que o Tribunal Constitucional vén de sentenciar que esa pretensión da Xunta de perdoar as ilegalidades urbanísticas na costa cando pasen 15 anos de cometidas non é constitucional. Un aldraxe máis a esa tradición tan galega do «Ti vai facendo».

  36. 93

    Quo Vadebas, Pedro? (Era isto?)

    Quo vadis, Pedro? Preguntabámanos no anterior episodio deste podcast. Era unha pregunta retórica. Ben sabiamos que a cousa acabaría nunha declaración –non rolda de prensa– na porta da Moncloa, como se pode comprobar pola carátula que puxemos a semana pasada. Desta vez, o que se preguntan Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro é cara onde ía Pedro Sánchez, como é que vai facer para chegar alí, se é con entrevistas ou con leis, e se vai rexenerar de vez, ou pouco a pouco.

  37. 92

    Quo Vadis, Pedro?

    Segundo a lenda cristiá, o apóstolo Simón Pedro, o mariñeiro, cando se fugaba de Roma para salvar a vida, atopouse co xefe, e preguntoulle  Quo Vadis? «Onde vas?» (xa se debera de esquecer de falar arameo). Aquí é a sociedade española a que interroga a Pedro Sánchez: Que fas? De que vas? Que vas facer? O suspense manterase ata o luns 29, pero iso non impide que tododior, empezando polos nosos charlantes –Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, citados por rigorosa orde alfabética, por se non cairon ata agora– fale do asunto como se soubese que vai pasar. Pero neste podcast dánse ademais unhas claves que para coñecelas vai ter que escoitalo. Mais non só se fala de Pedro Sánchez. Tamén de onde vai sacar a Xunta eses cartos que lle vai dar a Altri se lle fan falta, e de que vai pasar logo de que a UE declare ilegal a ampliación da concesión da AP9 que lle fixo o Goberno de Aznar a Audasa. O que si sabemos é que vai facer o goberno galego coa recén e xustamente conquistada competencia sobre o litoral: regalarlle a xestión a uns amigos para que fagan cartos e os leven por aí adiante, como sempre se fixo.

  38. 91

    Os Pokémons, TikTok e a que se vai cabreada

    Xa temos goberno! E o que é máis importante: xa levan camiño de influencers! E por se fose pouco xa lles coñecemos os caretos, que non é cousa menor con eses apelidos de non destacar que teñen practicamente todos e todas. Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero e Xosé Manuel Pereiro debullan as súas preferencias de estilos, outfits e actuación do novo gabinete. Exactamente igual que nos medios serios.

  39. 90

    Vodas, investiduras e bautizos (e Ferrol)

    Alfonso Rueda por fin atopou un oco na axenda para investirse como presidente, e esta semana pasou o trámite de facer no Parlamento a súa oferta de goberno. En que consiste? Pois en crear unha dirección xeral para comprobar se o sanchismo vai polo rego constitucional ou non, segundo as conclusións quye sacaron Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro. Non parece moito para un esforzo de case dous días (dos nosos contertulios, que os deputados cobran por iso). E aínda lles quedaron folgos para comentar a innovadora medida do goberno do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, para axilizar a burocracia: facer os contratos exclusivamente en castelán. Tan innovadora que non durou 24 horas.

  40. 89

    Catro vodas et Altri

    Que lle regalará Alfonso Rueda, o presidente en suspensión da Xunta de Galicia, ao alcalde madrileño, José Luis Martínez Almeida, polo seu enlace matrimonial? Mentres Marta Otero Mayán –que xa lle botou un ollo á lista de voda– escollería a vaixela de La Cartuja (de Sevilla, non de Parma), Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro o que se preguntan é sobre que vantaxes políticas ou que satisfaccións persoais poden xustificar adiar a celebración dun dos días máis importantes da túa vida pola voda dun amigo dun amigo. Un compañeiro de empresa que traballa noutro centro, en definitiva. E outra cuestión crucial: sentaráno na mesa dos pequenos (baróns rexionais) ou na de autoridades/familia directa? O que todos os catro se preguntan é do misterio que arrodea o proxecto Altri, e que saben e/ou que calan a Xunta e o Goberno central. Xa que non os nosos respectivos gobernos, pero se algún amable oínte ten información que dar, en [email protected] somos todo orellas.

  41. 88

    Altri, vodas e bautizos

    Nos dous anos que leva a proposta roldando polos despachos, a Xunta xa sabía que o proxecto de Altri era un calote en forma de macrocelulosa, e deixou pasar, ou non sabía nada. Visto doutra forma: foi cousa de malicia ou de ignorancia? Cal das dúas opcións é peor? A Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro o asunto chéiralles mal –nunca mellor dito–. Tan mal como que esteamos pendentes da investidura de Alfonso Rueda como presidente galego por cousa dunha voda que hai en Madrid. Se aínda casase Leonor, pero o alcalde... E se aínda fose un enterro, pero postergar Galicia por unha voda... Ai se don Manuel levantara a cabeza!

  42. 87

    A Galicia que non funciona e un tal Alberto

    Esta semana o noso equipo opinador de garda, Antón Losada, Ana Luisa Bouza, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro atende sen retraso e pasan unha ITV a Galicia para ver se funciona. Spoiler: sae mal. Porque pensabamos que da pandemia sairíamos mellores, mais non foi o caso para atención aos dependentes galegos, que reciben pouca e con retrasos, das peores do Estado. Quen disque saíu moito mellor da pandemia foi a parella de Isabel Díaz Ayuso, aínda que agora sexa vítima da persecución salvaxe de Facenda, que somos todos. Debe ser pola envexa que lle temos de non mercar pisos no centro de Madrid. Houbo tempo tamén para falar desa nova tradición catalá: o adianto electoral. E houbo división de opinións, Pere Aragonès non quere que Lluis Llach sexa candidato á presidencia da Generalitat e algún dos nosos non quere que cante de novo. E pechamos cunha exclusiva: resolveríamos unha incognita que non deixa durmir tranquilos aos nosos ouvintes desde hai quince días? Se non queda satisfeito co programa, devolvémoslle o diñeiro!

  43. 86

    A nova axenda feminista e o retraso ferroviario de sempre

    Este 8 de marzo reflectirá un feminismo consolidado, e máis ou menos libre do bombardeo mediático ao que estaba sometido cando estaba pilotado por Podemos. Ou polo menos iso é o que consideran os nosos podcasteiros Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, que tamén se poñen co rebumbio das mascarillas, e porque nun sitio se compraron ben, e non fai falta mirar os papeis, e noutro foron unha corrupción como a catedral de Mallorca. Para rematar, falan de trens, deses que o ministro Óscar Puente dixo en Vigo que viñan para Galicia, e que nin había que pedir por Reis, e que agora parece nin por AliExprés van vir.

  44. 85

    Rueda, Besteiro, Ábalos e outros líos

    Comezará Alfonso Rueda a executar esas 872 medidas que prometeu se ganaba, ou empezará por executar os membros do seu -agora si- goberno? Sobre quen non teñen dúbidas Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro é sobre José Ramón Gómez Besteiro. O candidato do PSdeG-PSOE, seguiu o consello unánime que lle deron no pasado podcast, e queda. Quen tamén queda, pero non porque lle dixeran nada os de A Actualidade Está Sobrevalorada, é José Luis Ábalos, ese monstro da escena e da cegueira na xestión.

  45. 84

    A análise definitiva do 18F

    Quen ganou? Quen perdeu? Alguén empatou? Se non ten claros os resultados, máis aló dos números, do 18F, este podcast de servizo público xa llo aclara. Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro comentan non só o que pasou, senón por onde teñen que tirar Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro para que o país progrese adecuadamente. De nada.

  46. 83

    Feijóo, ETA e outras cousas de votar

    As eleccións galegas sempre son unha cousa rara. Nestas do domingo que vén, por exemplo, o candidato real á reelección polo PP, Alfonso Rueda, está como metido na cama polo seu propio partido, e no seu lugar parece que se presenta Alberto Núñez Feijóo. E segundo os nosos medios públicos, Arnaldo Otegui debe concorrer con Ana Pontón nunha lista conxunta BNG-ETA nalgunha das catro circunscricións. Os de Lugo pensarán que na de Pontevedra e os da Coruña na de Ourense, ou viceversa. Mentres, hai unha chea de xente que chega no AVE ou en avión para dicirnos como somos ou a quen debemos votar. Os nosos, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, debullan estes curiosos fenómenos e observarán atentamento o que pode pasar. Spoiler: pasarán a xornada de reflexión arredor dun cocido.

  47. 82

    Debates, tractores e zorras

    Colea o #DebateTVG? Colea, para desgusto duns e alegría doutros. Se queren saber que e de quen, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro contaranlles como lles parece que lles foi a cada un. E a maiores, tamén se estrañaron de que non haxa tractoradas en Galicia, coa tradición que aquí hai, e de «Zorra», ese novo hit do pop petardo. Non perdan a versión que perpetra Antón Losada.

  48. 81

    Arrinca a campaña!

    Nunha proba máis da estatalización da campaña, A Actualidad está Sobrevalorada canta en español! Ben, o equipo tertuliano habitual –Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro– non, pero si o fai a moderadora, Virginia P. Alonso que os invitou á súa casa: Público.es. Nun máis difícil aínda, o noso podcast favorito fai un crossover: poderáno ver (subtitulado ao castelán) en Público.es, e escoitalo aquí, onde sempre.

  49. 80

    Todo o que querías saber sobre a enquisa do CIS

    Sabías que o 41% do electorado do PP son xubilados ou pensionistas? Que o 5% decláranse só galegos?  Que o BNG é a súa segunda opción de voto? E que ten maior nivel de confianza <strong>Ana Pontón</strong> que <strong>Alfonso Rueda</strong>? Pois se non che apetece mergullar nas procelosas fileiras de cifras e porcentaxes do <a href="https://www.cis.es/gl/-/avance-de-resultados-do-estudo-3437-preelectoral-de-galicia-elecciones-autonomicas-2024-?p_l_back_url=%2Fgl%2Fsearch%3F_com_liferay_portal_search_web_search_bar_portlet_SearchBarPortlet_INSTANCE_templateSearch_formDate%3D1706437818445%26_com_liferay_portal_search_web_search_bar_portlet_SearchBarPortlet_INSTANCE_templateSearch_emptySearchEnabled%3Dfalse%26q%3DGalicia%2B2024%26_com_liferay_portal_search_web_search_bar_portlet_SearchBarPortlet_INSTANCE_templateSearch_scope%3D" target="_blank" rel="noopener"><em>Estudo 3437 'Preelectoral de Galicia. Elecciones autonómicas 2024' </em></a>do CIS escoita a <strong>Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán </strong>e <strong>Xosé Manuel Pereiro</strong> que che contan o máis pavero da sondaxe.

  50. 79

    Todo o que entra, sae

    Todo o que contamina é tóxico? E viceversa? Todo o que entra, sae?, tal e como asegura o conselleiro mariño e experto dixestivo Alfonso Villares? E todo o que entra na rede é peixe? Ana Luísa Bouza Santiago, Antón Losada Trabada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro desquitan o tempo vacacional debullando como un só home e unha soa muller un tema tan complexo como o dos pellets/granulado que temos nas costas. De quen é a responsabilidade? A sociedade é a culpable? (sociedad no hay más que una y a tí te encontré en la playa), En que mans estamos?

Type above to search every episode's transcript for a word or phrase. Matches are scoped to this podcast.

Searching…

We're indexing this podcast's transcripts for the first time — this can take a minute or two. We'll show results as soon as they're ready.

No matches for "" in this podcast's transcripts.

Showing of matches

No topics indexed yet for this podcast.

Loading reviews...

ABOUT THIS SHOW

Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo do Podgalego da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Marta Otero, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que mantemos habitualmente en privado sobre do que se fala e do que se cala, do que sabemos que pasa e do que conxecturamos que pode pasar.

HOSTED BY

Luzes

CATEGORIES

Frequently Asked Questions

How many episodes does A actualidade está sobrevalorada have?

A actualidade está sobrevalorada currently has 50 episodes available on PodParley. New episodes are automatically indexed when they're published to the podcast feed.

What is A actualidade está sobrevalorada about?

Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo do Podgalego da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Marta Otero, Xosé Hermida e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que...

How often does A actualidade está sobrevalorada release new episodes?

A actualidade está sobrevalorada has 50 episodes. Check the episode list to see recent publication dates and frequency.

Where can I listen to A actualidade está sobrevalorada?

You can listen to A actualidade está sobrevalorada on PodParley by clicking any episode. We provide an embedded audio player for direct listening, and you can also subscribe via your preferred podcast app using the RSS feed.

Who hosts A actualidade está sobrevalorada?

A actualidade está sobrevalorada is created and hosted by Luzes.
URL copied to clipboard!